martes, 14 de diciembre de 2010

CONCERTO DE NATAL: ARA MALIKIAN "24 CAPRICHOS DE PAGANINI" [16 decembro 2010]


Ara Malikian é –sen dúbida- un dos máis brilantes e expresivos violinistas da súa xeración. Posuidor dun estilo propio, forxado apartir das súas orixes e ricas vivencias musicais, o seu violín érguese como unha das voces máis orixinais e innovadoras do panorama musical. Nado no Líbano, no seo dunha familia armenia, Ara Malikian iniciouse no violín a unha idade moi temperá da man do seu pai. Deu o seu primeiro concerto con 12 anos e aos 15 recibiu unha beca do Governo xermano (DAAD) para cursar estudos na “Hochschule für Musik und Theater Hannover”. Ampliou os seus estudos na “Guildhall School of Music and Drama” de London, ademáis de recibir leccións dalgúns dos máis prestixiosos profesores do mundo, como Franco Gulli, Ruggiero Ricci, Ivri Gitlis, Herman Krebbers ou membros do Alban Berg Quartet. Unha inesgotábel inquedanza musical e humana ten levado a Malikian a profundizar nas súas propias raigames armenias e asimilar a música doutras Culturas do Oriente Medio (árabe e xudea), de Centro Europa (xitana e cletzmer), da Argentina (tango) e de España (flamenco), todo isto dentro dunha linguaxe moi persoal na que conviven a forza rítmica e emocional destas músicas, o virtuosismo e a expresividade da grande tradición clásica europea. A súa calidade e nivel como violinista ten sido recoñecida en numerosos concursos de prestixio mundial. Ademáis de ter sido convidado en máis de 40 países, podemos salientar entre os premios acadados: “Felix Mendelssohn” (1987 Berlín, Alemania) e “Pablo Sarasate” (1995 Pamplona, España) “Niccolo Paganini” (Xénova, Italia), “Zino Francescatti” (Marsella, Franza), “Rodolfo Lipizer” (Gorizia Italia), “Xuventudes Musicais” (Belgrado, Iugoslavia), “Rameau” (Le Mans, Franza), “International Artist Guild” (Nova Iorque, USA), e na “International Music Competition of Japan”. En 1993 recibiu o “Premio á Dedicación e o Cumprimento Artístico” do Ministerio de Cultura de Alemaña.


XOVES 16 DE DECEMBRO DE 2010
ÁS 20.00 HORAS
NO SALÓN MULTIUSOS DO EDIFICIO DE FACULTADES
DO CAMPUS DE OURENSE
ENTRADA LIBRE ATE COMPLETAR AFORO

lunes, 29 de noviembre de 2010

CINE: "BICICLETA, CUCHARA, MANZANA" de CARLES BOSCH [2 decembro 2010]



Bicicleta, culler, mazá.
No outono de 2007 diagnostícanlle Alzheimer a Pasqual Maragall. Superado o golpe inicial, el e máis a súa familia comezan unha cruzada contra da enfermidade e, desde o primeiro paso, e
ste filme convértese en testemuña de excepción. Con intelixencia, sinceiridade e bon humor, Maragall deixase retratar a carón da súa familia e os médicos para deixar constancia do día a día da súa loita persoal. Dous anos de seguimento a un paciente excepcional disposto a que os científicos atopen curación antes de que a cifra de 26 millóns de enfermos no mundo se multiplique por dez. Unha película dura, aínda que optimista malia todo.

Carles Bosch.
Ten dirixido reportaxes e documentais dalgúns dos acontecementos internacionais de máis trascendencia, tais como a Primeira Guerra do Golfo e as de Bosnia e de Kosovo, así como a Revolución Zapatista.
Ten dirixido documentais de actualidade –ademáis de curbir crónicas para o Telenoticias (noticiario diario de TV3)-- en Afganistán, Irán, Chad, Filipinas, Mozambique, Cuba, México, Uruguai, EE UU, Haití, Nicaragua, Israel e en diversos países europeos. Ademáis, asinou unha serie documental de cinco capítulos, chamada "Historias del Caribe". Á marxe do xornalismo, dirixiu durante máis dun ano (1996-1997) a oficina de axuda humanitaria que o Concello de Barcelona tiña na cidade de Sarajevo unha vez rematada a guerra. No ano 2002 dirixe o seu primeiro filme documental, "Balseros", apartir das filmacións realizadas para televisión entre os anos 1994 e 1996. Con esta cinta recibiu algúns dos galardóns internacionais máis importantes (entre eles o Peabody Award do ano 2004), e foi nominada ao OSCAR® á Mellor Película Documental do 2003. No 2006 dirixe a súa segunda longametraxe documental, "Septiembres", coa participación de TVE e premiado nos festivais de Málaga, Miami, IDFA. Na súa dilatada carreira ten acadado múltiples premios coas súas obras en certames e festivais internacionais de Paris, Alcalá de Henares, México, A Habana, Santo Domingo, Miami, Tel Aviv, Turia, Copenhague, Málaga... ademáis de obter o Premio Nacional de Cataluña da Cinematografía (en setembro do 2003).

Carta de Diana Garrigosa ás/aos asistentes á proxección ao filme:XOVES 2 DE DECEMBRO DE 2010
ÁS 20.00 HORAS
NO SALÓN DE ACTOS DO EDIFICIO POLITÉCNICO
DO CAMPUS DE OURENSE

Colabora:
AFAOR
(Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense)

Máis info en:
www.bicicletacucharamanzana.com

viernes, 12 de noviembre de 2010

TEATRO: "LIFE IS A PARIPÉ" DE OBRAS PÚBLICAS [17 novembro 2010]


75 minutos de humor dividido entre 11 escenas e pico, multiplicado por 2 intérpretes masculinos sumados a 1 intérprete femenina dá como resultado: 33 por cento de música máis 33 por cento de teatro máis 33 por cento de cachondeo, o que dá un total final de 100 por cen de paripé. Se Marlango pode nós tamén.

11 INTERVENCIÓNS:
DESFILE DE MODA SEXUAL
REENCONTRO DE AMANTES
A CASTRACIÓN DE MANOLO
O VERDADEIRO “JAMLET”
CAMPIÓNS DE ZAPPING
BALADA PUNKIE
DRAMA DO ACTORS STUDIO
A POETISA SINFOROSA PRADOS
ZARZUELA DE GILIPOLLAS
NETOS DE PETER, PAUL AND MARY
OS NENOS DO MURO DE PINK FLOYD

MÉRCORES 17 DE NOVEMBRO DE 2010
ÁS 20.00 HORAS
NA SALA MULTIUSOS DO EDIFICIO DE FACULTADES
DO CAMPUS DE OURENSE
ENTRADA LIBRE ATE COMPLETAR AFORO


CICLO CINE DOCUMENTAL AUTORA [16, 18, 23, 25 Novembro]




VÁLIDO POR 8 HORAS COMPUTABLES NO CICLO CULTURA ABERTA PARA AS/OS ALUMNAS/OS DA FACULTADE DE CIENCIAS DE EDUCACIÓN
Aquí presentamos a programación correspondente á primeira parte de A Intercultural 2010-2011

Fai click na imaxe para aumentar


lunes, 10 de mayo de 2010

FESTIVAL FIN DE PROGRAMA: III Festival Intergaliza-Integraliza [21 de maio de 2010]

Como na anterior edición de A Intercultural, o vindeiro 21 de maio de 2010 terá lugar o festival de fin de programa correspondente a este curso 2009/10. Este festival fin de programa realízase en colaboración coa Asociación Cultural Intergaliza-Integraliza, que busca o achegamento cultural entre a cidade de Ourense e as diferentes comunidades inmigrantes.

MÁIS INFO DA ASOCIACIÓN CULTURAL INTERGALIZA - INTEGRALIZA:
http://intergaliza.blogspot.com/

jueves, 8 de abril de 2010

2ª edición de "OUTROS MUNDOS" coa presenza de MEIR MARGALIT

Nacido en Buenos Aires no ano 1952, a historia de MEIR MARGALIT é cicais, unha das mais singulares dentro do movemento pacifista de Israel. Xa en Arxentina, Meir formaba parte dun grupo sionista de dereitas. Cando en 1972 chega a Israel fai dúas cousas: a primeira, enrolarse no exército (na sección de infantería) e a segunda, xa no 1973, fundar o asentamento de Net Zarim, na franxa de Gaza, un dos enclaves de colonos máis problemáticos que hai no Oriente Medio. En outubro dese mesmo ano, Meir resulta ferido na guerra do Yom Kippur, feito este que marcará un punto de inflexión na súa vida. Comeza entón un proceso de replantexamento das súas ideas: "Entendín que cada ideoloxía ten o seu prezo, e eu non estaba disposto a pagar o prezo da conquista. Non paga a pena morrer por territorios". Trinta anos despois, Meir é o coordinador dun dos grupos pacifistas máis activos da disidencia israelí.
Doctorouse en historia israelí pola Universidade de Xerusalén e creou un partido político de esquerdas, denominado Meretz co que chegou a acceder ao Consello Municipal da Cidade de Xerusalén.
Despois de formar parte de esa Cámara, Margalit fundou o Comité Israelí Contra a Demolición de Casas (ICAHD). A labor deste organismo baséase en reconstruir as edificacións árabes que son destruídas polas forzas israelís para evitar a expulsión da poboación palestiniana de Xerusalén. Actualmente Margalit é, ademáis, coordinador do Movemento polos Dereitos Humanos Israelís.

MARTES 18 DE MAIO
ÁS 20 HORAS NO LICEO DE OURENSE
MÁIS INFO EN:

www.icahd.org

2ª edición de "OURENSE EN CURTA" [7 maio 2010]

Presentación dos traballos audiovisuais realizados en Ourense ao longo do último ano
Proxectáronse os seguintes traballos:

MISERIA
de Ourense Xove

COSER E CANTAR

de Ruben Riós


INSTALACIÓN
de José Díaz

NOUTURNIO DE CELANOVA
de Raúl García

TERRA DO MILLO

de Patxi Bisquert

Descarga aquí as fichas técnicas:



domingo, 4 de abril de 2010

PROXECCIÓN DO FILME "OLIVER TWIST" CON MÚSICA EN VIVO DE "ENSEMBLE ANCESTRAL" [7 abril 2010]


OLIVER TWIST
(1922)
Dirixido por: Frank Lloyd

Sinopse:
Despois de ficar sen pais, Oliver Twist é internado nun orfanato. Debido ao maltrato que recibe, un día decide fuxir a Londres, onde coñece a Artful Dodger, quen o acolle nada mais chegar a cidade. Sen darse conta, coa inocencia dun neno de 10 anos, vaise introducindo nunha banda de rapaces carteiristas dirixida polo malvado Fagin.

O filme é unha adaptación de Walter Anthony e Frank Lloyd sobre a novela homónima de Charles Dickens.

Música:
ENSEMBLE ANCESTRAL

Alfonso Merino (percusión e violín)
Pablo Pérez (contrabaixo)
Felipe González (clarinete)
Alfonso Franco (violín e chelo)
Iago Mouriño (piano)

A interpretación da música ao vivo deste entrañabel filme corre por conta do Ensemble Ancestral, especializado en creación de bandas sonoras para proxeccións de cinema mudo.
Esta agrupación está formada por un núcleo de catro experimentados músicos, que, malia proceder de distintas áreas da música (jazz, clásica ou folk) saben como aglutinar maxistralmente as súas distintas visións musicais para crear un mundo sonoro, que se ben asume o seu discreto segundo plano, redimensiona estas esquecidas obras de arte dotándoas dunha grande actualidade.

miércoles, 24 de marzo de 2010

MARTÍN CAMIÑA "Feitizo" [24 marzo 2010]

FEITIZO é un espectáculo que mestura a maxia, o humor e a participación do público, percorrendo os diferentes estilos da arte da ilusión.
Feitizo é o conxunto de prácticas destinadas a conseguir un efecto máxico ou extraordinario. Quen non soñou con dominar elementos intanxibles como o fume, ou adiantarse ao pensamento dalguén, ou trocar a cor das cousas?
Como se dunha fonte máxica se tratara, das mans sairán de seguido as cartas, as ataduras cotiás dos nosos problemas, que nos oprimen, reflictiranse na fuxida da camisa de forza, ou da folla da guillotina descenderá sen remedio para separar a ilusión da realidade.
Manipulación de cartas, camisa de forza, guillotina, panos, xornais, billetes, espadas, etc... serán só algúns dos ingredientes deste feitizo, no que todos os intres estarán recobertos pola música ou pola palabra, que levarán ao espectador a un mundo máxico: o da emoción.

RIKI LÓPEZ "buenrollitina" [17 marzo 2010]


Este cantautor cómico, mallorquín de sangue andaluza, malia ter estudado Empresariais, e animado por quenes o vían interpretar as súas primeiras creacións en acampadas e reunións de amigos, decide deixar a súa ocupación de camareiro e centrarse en facer aquilo do que máis gosta: actuar.
Despois de tres anos rodando por distintos lugares, chega a Madrid no ano 1998, onde consegue facerse un oco despois das cada vez máis frecuentes galas nas salas máis prestixiosas da cidade.
Despois da aparición en distintos programas televisivos e de ser entrevistado no programa radiofónico de Gomaespuma, Guillermo Fesser e Juan Luis Cano convírteno en convidado habitual e prodúcenlle o seu primeiro disco "El hombre más feliz del mundo".
O seu espectáculo, cargado da nocturna filosofía urbana, de sinxeleza e autenticidade, prantexa situacións coas que, por cotiás e intimistas, non custa ningún esforzo identificarse. Elas son o telón de fondo no que Riki fai o seu traballo. Coa cómplice e sorrinte receptividade do público como encubridora, sen máis compaña que a súa guitarra e a extensa gama de xestos que adoita a súa face, sempre ácido, bota man da ironía e o sarcasmo para envolver cada mensaxe.

viernes, 5 de marzo de 2010

VICTOR PRIETO TRIO [Martes 9 marzo 2010]

PRESENTACIÓN EN OURENSE DE VICTOR PRIETO
Víctor Prieto é un dos intérpretes de acordeón máis coñecidos e recoñecidos a nivel internacional; pero paradóxicamente nunca ten actuado en Ourense, a súa cidade natal onde comeza a súa carreira aos 9 anos no Conservatorio de Música, estudos que compaxinaco seu primeiro achegamento ao mundo do jazz na Escola Estudio de Santiago de Compostela.
En 1998 recibe unha beca da Escola de Jazz Berklee College of Music para cursar estudos de Jazz Performance baixo a supervisión da pianista Joanne Brackeen, sendo o único acordeonista con esta espe
cialización nesta escola. Actualmente reside en Nova Iorque, onde traballa como profesor de acordeón-jazz no prestixioso Brooklyn Conservatory, ocupación que compaxina coas Master Classes que imparte nos EE UU, España, Italia, e Portugal, así como coa súa intensa actividade como intérprete e compositor. É o creador dunha nova técnica para acordeón, chamada “aproximación de acorde en ámbalas dúas mans”, coa que consegue crear harmonías non interpretadas anteriormente.
Ten tocado e gravado con numerosas figuras internacionais do jazz, como Yo-Yo Ma, Jeff Ballard, Chris Cheek, Paquito D’Rivera, Lionel Luke, Matt Wilson, Emilio Solla... ademáis de ter recibido numerosos premios, entre os que cabe salientar o 1º Premio Citta de Castelfidardo (2001), o Premio Artista Creativo concedido pola Asociación Española de Interpretes e Executantes (2001) e o 1º Premio en Composición outorgado pola revista arxentina CMZK’s (2002).

con JORGE ROEDER (contrabaixo) e OTIS BROWN III (batería)...
Nesta primeira actuación na súa cidade natal Victor Príeto faise acompañar de Jorge Roeder e Otis Brown III unha formación que nos convida a viaxar polo seu mundo baseado fundamentalmente en temas orixinais.

Jorge Roeder é nativo de Lima Peru, e un dous baixistas máis importantes da escena internacional do jazz. Recentemente o foi agasallado co primeiro premio pola recoñecida asociacion internacional de contrabaxistas de Jazz.


Ottis B
rown III, nacido en New Jersey no seo dunha familia de músicos, este batería e compositor xa aos 12 anos era solista de saxofón nas bandas da escola e batería na Igrexa Baptista. Despois de estudar na prestixiosa NYU, centro mundial do jazz, foi contratado polo saxofonista Joe Lovano -gañador dun Grammy- para tocar no seu grupo, do que segue formando parte, ademáis das numerosas colaboracións con outros músicos.

Con esta excelente actuación deu comezo a II Parte d'A Intercultural 2009/10...

MAIS INFO:


miércoles, 3 de marzo de 2010

Aquí presentamos a programación correspondente aos meses de marzo, abril e maio desta segunda parte d'A Intercultural 2009/10.

Fai click na imaxe para aumentar


ESMORGAPHONE

MERCEDES PEÓN NA INTERCULTURAL


MERCEDES PEÓN é o máis claro expoñente do novo rexurdir musical da escena nacional. As súas raíces toman novas formas: creación con sabor ancestral que recobra vida coas gaitas e as percusións tradicionais e se mesturan cos sons electrónicos máis actuais.

A súa mordaz e moderna interpretación da tradición está baseada en anos de estudo e compilación de pobo en pobo. O timbre da súa voz, a variedade das súas composicións que arrincan da beleza laiante dos alalás galegos e culminan en temas eclécticos e descaradamente vibrantes, o seu amplo repertorio e o feitizo e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller, unha aposta segura pola continuidade da música galega.

MAIS INFO:
www.mercedespeon.es
www.myspace.com/mercedespeon

UNIDOS POR EL FLOW


UNIDOS POR EL FLOW é o nome dunha asociación que nace no Kasal de Joves de Roquetes, en Nou Barris, Barcelona. A necesidade de crear esta entidade ven marcada por un proxecto que se xenera entre a Asociación Ñeta de axuda ao confinado, a nación de Reyes y Reinas Latinos e varios xoves barceloneses, así como asociacións ou colectivos de toda Barcelona que apoian o proxecto. O fin común é a transformación social a través da arte urbana, concretamente do HIP-HOP.

A MAXIA DO CEO: PRESENTACIÓN DOS "TIME-LAPSES" DE DANIEL LÓPEZ

Presentación e proxección de time-lapses de DANIEL LÓPEZ, astrofotógrafo do Observatorio de Teide (Instituto de Astrofísica de Canarias). Ademáis da súa actividade profesional como observador do OT, Daniel López forma parte do grupo de astrofotografía do IAC, sendo un dos astrofotógrafos máis coñecidos e recoñecidos pola espectacularidade do seu traballo e o seu bon facer. Os seus traballos teñen sido premiados en distintos medios, incluíndo a páxina da NASA APOD [Astronomical Picture of the Day], así como na prestixiosa revista National Geographic ou a publicación española Astronomía.

"Gosto da espectacularidade de ver en segundos o que en tempo real tarda horas ou noites enteras, o movemento real dos astros, constelacións e obxectos astronómicos. Acho que o TIME-LAPSE é unha nova técnica de astrofotografía de grande campo e algo relativamente novo onde experimentar e crear traballos animados moi novidosos. Ademáis é moi didáctico, vese a rotación da Terra se se apunta ao Polo Norte, satélites artificiais, estrelas fugaces e se se combina con paisaxes monumentos ou telescopios poden chegar a saír cousas moi impresionantes que non deixan indiferente a ninguén, mesmo a quen non teña coñecementos de astronomía".



QUICO CADAVAL + MOFA e BEFA NA INTERCULTURAL: "SHAKESPEARE PARA IGNORANTES" (3 novembro 2009)

ESTREA EN OURENSE da obra "Shakespeare para ignorantes", dirixida por QUICO CADAVAL e intepretada por MOFA E BEFA ademáis do propio Quico.

Mofa e Befa irrompen nunha académica conferencia sobre o famoso autor para poñer en primeiro plano as escenas máis ignoradas, por desidia ou falta de oportunidades, polo público actual. O riso máis cruel, as intimidades máis vergoñentas, os actos máis deshonestos e as vilanías máis astutas foron mostradas pola despiadada máquina cómica de Mofa e Befa.



martes, 2 de marzo de 2010

lunes, 1 de marzo de 2010

INAUGURAMOS A NOSA BITÁCORA

A INTERCULTURAL é o programa cultural da Universidade de Vigo no Campus de Ourense que se desenvolve coa intención de nos aproximar a novas tendencias e a novas formas de expresión artística así como a tender pontes coas realidades doutras identidades culturais.

Cando mellor que en 2010 -Ano Internacional para a Aproximación das
Culturas- para inaugurar esta bitácora. Despois de tres anos de andaina, puidemos compartir momentos con figuras destacadas do panorama musical e teatral ao tempo que coñecimos de primeira man traballos de alto interese que se están a desenvolver no ámbito sociocultural.

A programación d'A INTERCULTURAL establécese en paralelo ao curso
académico universitario e estructúrase en dúas partes correspondentes ao

primeiro e segundo cuadrimestres do curso.

Agardamos que este espazo virtual sexa do voso interese e que contribúa a coñecer máis polo miúdo a programación e as intervencións; mais sobretodo esperámosvos nos actos d'A INTERCULTURAL, esta casa común que o Campus de Ourense nos propón arredor da cultura de todas e todos nós e para todas e todos nós.

MÁIS INFO SOBRE A PROGRAMACIÓN DE
A INTERCULTURAL en:
WWW.VICOU.UVIGO.ES